Dixit
Xa está habilitada a pestana “Dixit” nos catro niveis educativos da materia de Matemáticas, e nas materias de 5º e 6º de primaria de Ciencias da Natureza e Bioloxía e Xeoloxía de 1º ESO.
Desta forma xa se poden escoller, dentro destas materias, os contidos que se desexen na pestana “Dixit” e incorporalos ao apartado “A miña materia” premendo no botón “Sincronizar”.
Os contidos dispoñibles son:
- Na materia de Matemáticas: dous recursos que se corresponden cas dúas contornas virtuais compostas por Regretas Cuisenaire. Estes contidos permiten traballar os bloques temáticos de sumas e restas, ademais dun módulo de manipulación libre que permita ao alumnado comprender conceptos abstractos. Desde o punto de vista técnico, este material ofrece simulación interactiva para a aprendizaxe a través da manipulación de figuras 3D para realizar diferentes operacións matemáticas lóxica, indución, estimación, aproximación. Os/as alumnos/as poden manexar estas figuras (arrastralas, rotalas, etc) na área de traballo, para realizar as operacións que se expoñan nas actividades.
- Nas materias de Ciencias da Natureza e Bioloxía e Xeoloxía: cinco Snack Experiments para coñecer e aplicar o método científico. Trátase dunha colección de demostracións interactivas de distintos experimentos curtos realizados con materiais caseiros cos que o alumnado poderá presentar hipóteses, practicar e alcanzar conclusións a través da súa propia experiencia. Utilízase como ferramenta principal o vídeo cuxas secuencias se mostran en función da interacción do usuario. Dispoñibles en castelán e galego, subtitulados e traducidos á linguaxe de signos para garantir accesibilidade e atención á diversidade. Os temas destes snacks son: Que pasa nos nosos océanos?, A fotosíntese, Presión atmosférica, Tensión superficial e A terra é redonda.
O obxectivo de DIXIT é aproveitar as capacidades técnicas e innovadoras dos sectores tecnolóxico e audiovisual e os coñecementos pedagóxicos do profesorado galego, tendo en conta as súas necesidades, para incrementar a oferta de recursos dixitais dispoñibles para a comunidade educativa galega.
Está prevista a creación de novos contidos para estas e outras materias que empregarán as tecnoloxías máis avanzadas, como poden ser: o laboratorio xeométrico 3D (que permite visualizar e traballar con distintos corpos xeométricos, no que cada alumno pode explorar os obxectos variando os seus parámetros físicos), o laboratorio redes tróficas con compoñentes de gamificación incorporados, o laboratorio mostraxe ecosistema dunar (no que o alumnado poderá percorrer de forma virtual un ecosistema, explorando os seus distintos compoñentes, e aprendendo a caracterizalos, baseado nunha contorna inmersiva 3D con vídeos de 360º), un simulador de conversa de idiomas aproveitando tecnoloxías 3D (recoñecemento de voz, IA,...), etc.
Aula Virtual AMTEGA Formación
EDIXGALEducación dixital en primaria e secundaria.
- Benvidos/as a este curso sobre o proxecto EDIXGAL, para o profesorado de educación Primaria e Secundaria, onde coñeceremos diversos aspectos do proxecto así como tamén os recursos educativos dixitais e todas aquelas funcionalidades e ferramentas que forman parte da plataforma EVA.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)
